Trinta anos loitando contra a sida

Un ano mais, o concello de Culleredo celebrou con numerosos actos de concienciacion, o día Mundial da loita contra o Sida.
Transcorreron 30 anos desde a detección dos primeiros casos.  O 5 de xuño de 1981 os Centros para a Prevención e o Control de Enfermidades (CDC) publicaron no Morbidity and Mortality Weekly Report un artigo sobre a detección de cinco casos de pneumonía por Pneumocystis carinii en homes homosexuais de California. Era algo inusual, dado que se trata dunha infección que afecta a persoas inmunodeprimidas e tratábase de persoas novas. Semanas despois, en xullo, informouse de 26 casos máis en California e Nova York. Algúns dos afectados presentaban tamén sarcoma de Kaposi, cancro que tamén aparece soamente en persoas co sistema inmunitario debilitado. A maioría faleceu en cuestión de poucos meses.

Non tardou en comprobarse que aquela enfermidade, aínda sen nome, non soamente afectaba a homosexuais, pois comezou a detectarse tamén en usuarios de drogas inxectadas, en receptores de transfusións sanguíneas e nalgúns inmigrantes procedentes de Haití.

Nunha reunión celebrada en Washington o 27 de xullo de 1982 a enfermidade bautizouse como síndrome de inmunodeficiencia adquirida (SIDA). Dous anos despois, os científicos Luc Montagnier e Françoise Barré-Sinoussi, do Instituto Pasteur de París, illaron e purificaron o virus causante da enfermidade, que tardou outros dous anos até recibir o seu nome definitivo en 1986 por parte do Comité Internacional sobre Taxonomía de Virus: virus da inmunodeficiencia humana (VIH).

O erro de pensar que a sida era unha enfermidade de toxicómanos e homosexuais tivo consecuencias negativas. Concentrar a atención nestes grupos de risco favoreceu a expansión descontrolada do VIH por vía heterosexual en África e o Caribe, e despois en Asia e o resto do mundo.

En 1987 a Food and Drug Administration (FDA) de Estados Unidos aprobou a zidovudina ou AZT, primeiro antirretroviral para o tratamento da sida. Co tempo, foron aparecendo máis fármacos e o punto de inflexión produciuse entre 1995 e 1997, cando se comezaron a utilizar combinacións de antirretrovirais que incluían unha nova clase, os inhibidores da proteasa. Algúns científicos opinaron que os resultados observados cos novos cócteles de medicamentos permitían ver a luz ao final do túnel.

Desde entón, a terapia antirretroviral de gran actividade (TARGA) permitiu controlar a enfermidade en moitos pacientes VIH-positivos e conseguiu reducir notablemente a mortalidade por sida. Con todo, a estes tratamentos soamente podían acceder os pacientes dos países desenvolvidos, mentres millóns de enfermos morrían no resto do mundo, sobre todo na rexión máis afectada do planeta: o África Subsahariana.

Acceso á terapia antirretroviral

Segundo datos de ONUSIDA, a finais de 2010 vivían no mundo uns 34 millóns de persoas infectadas polo VIH. A enfermidade cobrouse 30 millóns de vidas desde que se detectou 30 anos atrás.

Para Michel Sidibé, director executivo de ONUSIDA, “o acceso ao tratamento transformará a resposta á sida na próxima década. Debemos investir en acelerar o acceso á terapia contra o VIH e en atopar novas opcións de tratamento. A terapia antirretroviral é agora máis que nunca un gran motor para o cambio: non só impide que as persoas morran, senón que tamén evita novas infeccións polo VIH en homes, mulleres e nenos”.

Retos pendentes

A pesar de que a taxa de novas infeccións diminuíu, a cifra segue sendo elevada, con 7.000 novos casos diarios. Segundo os datos que manexa ONUSIDA, a redución da incidencia foi maior en África Subsahariana e no Sueste Asiático e máis moderada en América Latina e o Caribe. No lado negativo da balanza, observase que os novos casos de infección polo VIH aumentaron en Europa do Leste, Oriente Medio e África Setentrional.

Neste contexto, o presidente de SEISIDA opina que a gran diferenza entre países ricos e pobres en relación co VIH/sida “non se está reducindo, e que coa crise económica que estamos a vivir existe o perigo de que se acentúe aínda máis. É certo que, despois de moitos esforzos, parece que as taxas de incidencia da infección están a diminuír nalgúns países do Terceiro Mundo, pero trátase dun traballo a moi longo prazo e non podemos conformarnos soamente con esa redución”.

As desigualdades de xénero tamén representan un gran obstáculo e un reto por superar. A sida constituíuse na principal causa de morte de mulleres en idade reprodutiva e o 26% de todas as novas infeccións corresponden a mulleres de entre 15 e 24 anos.

Doutra banda, no noso medio, un dos problemas actuais é a necesidade de sensibilizar á poboación sobre as consecuencias que pode ter a falta de control e tratamento do VIH. Os expertos consideran que se produciu certa relaxación entre a poboación e subliñan a importancia que ten o diagnóstico precoz da infección, que é clave para poder tratar convenientemente ás persoas infectadas antes de que se agrave o seu estado serológico e, por tanto, a súa calidade de vida véxase mermada.

A pesar de que en España a proba do VIH é gratuíta e confidencial, existe unha alta porcentaxe de diagnósticos tardíos que se poderían reducir incrementando a oferta de probas diagnósticas do VIH, por iniciativa do persoal sanitario, cando existen indicadores clínicos ou antecedentes de factores de risco.

Este ano o lema foi “Chegar a cero”, título da estratexia adoptada pola Xunta Coordinadora do Programa en decembro de 2010, deseñada para situar a resposta ao VIH dentro do novo contexto global. Os seus obxectivos de aquí a ese ano son os seguintes:

  • Reducir á metade a transmisión sexual do VIH, tamén entre os mozos, os homes que teñen relacións sexuais con homes e dentro do contexto do traballo sexual.
  • Eliminar a transmisión vertical do ViH e reducir á metade a mortalidade materna relacionada coa sida.
  • Previr todas as novas infeccións polo ViH entre usuarios de drogas.
  • Acceso universal á terapia antirretroviral para as persoas que viven co -VIH que son elexibles para recibila.
  • Reducir á metade as mortes por tuberculoses en persoas que viven co VIH.
  • Incluír nas estratexias de protección social nacionais ás persoas que viven co VIH e aos fogares afectados polo virus, quen ademais teñen acceso a servizos de atención e apoio esenciais.
  • Reducir á metade o número de países con leis e prácticas punitivas ao redor da transmisión do VIH, o comercio sexual, o consumo de drogas ou a homosexualidade que bloquean as respostas efectivas.
  • Eliminar na metade dos países que as impoñen as restricións na entrada, estancia e residencia relacionadas co VIH.
  • Abordar as necesidades relacionadas co ViH de mulleres e nenas en, polo menos, a metade das respostas nacionais ao VIH.
  • Tolerancia cero coa violencia de xénero.

A estratexia de ONUSIDA é unha folla de ruta para o Programa Conxunto con obxectivos concretos que sinalan os fitos no camiño cara á visión desa organización:

Cero novas infeccións polo VIH. Cero discriminación. Cero mortes relacionadas coa sida.

Ao longo deste tres décadas, 30 millóns de persoas morreron no mundo como consecuencia desta enfermidade. As novas infeccións diminuíron, pero a loita contra o virus da inmunodeficiencia humana (VIH) continúa con moitas frontes abertas.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en PREVENCIÓN, SAUDE PÚBLICA coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s