Educación afectivo-sexual

A educación afectivo-sexual representa un aspecto de grande importancia na formación integral dos nosos nenos e nenas porque máis aló do proceso puramente biolóxico, explica procesos transcendentais como a construción da identidade de xénero ou as relacións afectivas no ámbito da nosa cultura. Unha boa educación afectivo sexual axudará a que o alumnado se capacite para unha vida saudable e responsable favorecendo o desenvolvemento da súa autoestima e a relación co contorno.

A Consellería de Sanidade e as Concellerías de Igualdade e Sanidade do Concello de Culleredo,  traballan activamente para construír unha sociedade en que mulleres e homes poidamos convivir en igualdade, sen violencia nin discriminacións, sentíndonos donas e donos dos nosos corpos e das nosas vidas. Para isto é imprescindible proporcionar ao alumnado unha educación afectivo-sexual axeitada ao século XXI, coa cal adquiran os coñecementos e destrezas necesarios para desenvolver unhas relacións sexuais pracenteiras e creativas, sen riscos e que favorezan unha sociedade mais democrática, construtiva e plural.

Non podemos esquecer que, aínda que a sexualidade humana está intimamente ligada ao privado, tamén esta regulada social e culturalmente. Por todo isto, partimos da firme convicción de que a educación afectivo sexual debe promover o coñecemento, coidado e goce do corpo, así como facilitar a capacidade para decidir e para crear relacións e vínculos afectivos baseados na comunicación e o respecto, aceptando os diferentes modos de vida e promovendo actitudes libres cara á propia sexualidade e á dos outros e outras.

O coñecemento sexual axúdanos a crecer como persoas. Aprender a ser felices é un reto permanente dos homes e das mulleres, e a educación sexual contribúe, dun xeito importante, a lograr esa felicidade, dando resposta ás necesidades de aprendizaxe vividas activamente polo alumnado.

Deste xeito, o Decreto 130/2007 de ensino primario da Comunidade Autónoma de Galicia introduce a educación sexual como un dos eidos importantes na formación do alumnado; así, no seu artigo 4 di expresamente: “formará parte do currículo a educación sexual”. Pola súa banda, este ítem introdúcese na educación secundaria obrigatoria a través do Decreto 133/2007, no ámbito da educación para a saúde e da educación para a cidadanía, baixo a epígrafe de educación afectivo-sexual.

En efecto, a sexualidade está estreitamente unida á saúde, entendendo esta como fomento do desenvolvemento óptimo do benestar da persoa e da comunidade, na medida en que o respecto e o coidado do propio corpo e o rexeitamento a calquera forma de violencia serían os piares básicos destes vínculos. A prevención das infeccións de transmisión sexual, os embarazos non desexados e o maltrato despréndese deste marco de actuación.

Advertisements