DEFINICIÓN

As siglas de sida significan síndrome de inmunodeficiencia adquirida:

  • O S de Síndrome supón o conxunto de síntomas e signos da enfermidade.
  • O I corresponde a Inmuno e refírese ao sistema inmunitario, que é o mecanismo que posúe o noso corpo para defendernos dos microorganismos patóxenos que son os causantes das enfermidades que nos afectan.
  • O D é de Deficiencia, é dicir, o mal funcionamento de algo, que neste caso é o sistema inmunitario.
  • O A refírese a Adquirida, o que supón que non a herdamos, senón que a adquirimos durante a vida

O VIH é un virus que ataca especificamente algunhas das células do sistema inmunitario que nos defenden da agresión dos distintos xermes e enfermidades.

As células principais do sistema inmunitario humano son os linfocitos, dos que existen dúas grandes familias: os B e os T. Unha variedade destes últimos, os T4, xogan un papel importantísimo no sistema inmunitario e son directamente atacados polo VIH, orixinándose unha inmunodeficiencia que implica a incapacidade para realizar as súas funcións de defensa.

Despois de entrar no organismo e provocar a infección, a persoa afectada pode permanecer asintomática durante varios anos. Nesta primeira fase, o VIH invade e multiplícase activamente nas células infectadas do sistema inmunitario.

Advertisements