DETECCIÓN

Como todo axente infeccioso, cando o VIH penetra no corpo humano é recoñecido como estraño e desencadéase unha resposta do sistema inmunitario para tratar de conter a infección. Prodúcense deste xeito anticorpos contra o VIH que se detectan mediante probas de laboratorio específicas.

Saber se estamos infectados polo VIH ou non é moi importante porque: se se está, podemos atrasar, cando menos, a aparición da sida seguindo as recomendacións do persoal sanitario; de non o estar, elimínanse as preocupacións.

O beneficio terapéutico e preventivo do diagnóstico precoz da detección do VIH está sobradamente demostrado. Cando se detecta precozmente o VIH, a persoa non só ten unha maior supervivencia e calidade de vida, senón que mantén condutas máis seguras. Polo tanto, a realización da proba de detección do VIH, dun modo voluntario, confidencial e acompañada de asesoramento, é fundamental.

Así a persoa que desexe facer a proba debe recibir asesoramento do persoal sanitario para poder entender o resultado, calquera que este sexa, e recibir o soporte psicolóxico adecuado cando fose necesario. Este apoio axudaralle á persoa seropositiva a manter unha actitude máis construtiva fronte ao problema da infección polo VIH, a reforzar as medidas preventivas co fin de evitar a transmisión a outras persoas e a tomar as precaucións necesarias para diminuír os riscos de evolución da propia infección.

QUEN DEBE FACER A PROBA DO SIDA

Calquera persoa, home ou muller, pode estar infectada polo VIH se nalgún momento da súa vida estivo exposto á infección a través do sexo ou do sangue. Polo que é recomendable facer a proba de detección do VIH/sida cando nos atopemos nas seguintes situacións:

  • As mulleres embarazadas ou que desexen ter un/unha fillo/a.
  • As persoas que tivesen relacións heterosexuais sen preservativo con diferentes parellas, con persoas que exerzan a prostitución, con consumidores de drogas ou con persoas infectadas polo VIH.
  • Os homes que tivesen relacións homosexuais sen preservativo, especialmente con diferentes parellas, con homes que exercesen a prostitución, con consumidores de drogas ou con homes infectados polo VIH.
  • As persoas que compartisen xiringas ou instrumentos na inxección de drogas.
  • As persoas expostas directamente ao sangue ou líquidos corporais contaminados, cando o contacto se produce nunha área onde a pel non está íntegra (feridas, eccemas…).

 

Advertisements