PRÁCTICAS DE RISCO

RELACIONS SEXUAIS SEN PRESERVATIVO

O VIH pode transmitirse se se teñen relacións sexuais sen protección (tanto hetero como homosexuais) con persoas infectadas.

Non todas as formas de relación sexual teñen o mesmo risco:

  • O coito anal sen preservativo comporta un risco maior porque a mucosa do recto é fráxil e se lesiona con facilidade, o que favorece a entrada do virus. Se ademais se producen sangrados, os VIH contidos no sangue engadiranse aos do seme.
  • O coito vaxinal sen preservativo implica tamén un risco importante de transmisión.
  • O sexo oral sen protección supón unha probabilidade de contaxio menor.

USO COMPARTIDO DE XIRINGAS, AGULLAS, OUTRO MATERIAL DE INXECCIÓN OU CALQUERA INSTRUMENTO CORTANTE QUE ESTIVESE EN CONTACTO CON SANGUE INFECTADO POLO VIH

  • A infección prodúcese cando o sangue dunha persoa infectada se introduce no torrente circulatorio doutra persoa.
  • Este é o caso daquelas persoas que comparten xiringas e/ou demais material para inxección de drogas (culleres, tapóns, filtros, etc).
  • Tamén poden ser vehículos de transmisión outros elementos cortantes ou punzantes que non estean debidamente desinfectados, como as agullas de acupuntura e de tatuaxe, as coitelas de afeitar, instrumental de manicura, depilación eléctrica, piercing ou de perforación das orellas.
  • Así mesmo, compartir obxectos de uso persoal como os cepillos de dentes tamén ten un risco, polo menos teórico, xa que o sangrado das enxivas é un feito relativamente frecuente durante o cepillado dos dentes e, polo tanto, non se deben compartir.

VIA MATERNO INFANTIL

  • A transmisión que se produce de muller infectada ao fillo/a durante o embarazo, parto ou lactación, chámase transmisión perinatal.
  • A probabilidade de transmisión por esta vía redúcese moito cun tratamento adecuado da muller infectada durante o embarazo.

 O VIH NON SE TRASMITE

Ao compartir o lugar de traballo… Compartir un cuarto… Asistir á mesma escola ou á mesma clase… Dar apertas… Bicarse… Polas bágoas… Pola suor… Pola tose…Comer na mesma mesa… Por compartir duchas… Bañarse na mesma piscina…

As transfusións sanguíneas e o uso de produtos hemoderivados, así como os transplantes de órganos están suxeitos a un rigoroso control sanitario que inclúe probas de detección do VIH.

Tampouco se pode adquirir o virus mediante a picadura de mosquitos ou outros insectos.

É importante ter presente que son as prácticas de risco as que posibilitan a transmisión da infección polo VIH. Calquera persoa pode infectarse.

Estas prácticas de risco son comportamentos persoais que poden modificarse. Cambiar eses comportamentos ou tomar as medidas preventivas que a continuación vos presentaremos son medidas eficaces para non infectarse polo VIH.

A prevención depende de nós mesmos.

Advertisements