PREVENCIÓN

A PREVENCION NA TRANSMISION SEXUAL

Moitas veces descoñecemos se unha persoa está infectada ou non. Por iso debemos utilizar correctamente un preservativo (masculino ou feminino) cada vez que se teña unha relación sexual (vaxinal, anal ou oral) con persoas infectadas polo VIH ou coas que se descoñece se o están.

No caso de que ambos os dous membros da parella sexan portadores do VIH deben practicar relacións sexuais seguras, para evitar reinfeccións.

  • Usar preservativos que cumpran a normativa legal vixente e que non excedan a data de caducidade.
  • Almacenalo en lugar fresco, seco e ao abrigo do sol e da luz.
  • Manipular o preservativo con coidado para non danalo.
  • Colocar o preservativo cando se produza a erección e mantelo durante toda a relación, suxeitándoo pola base para retiralo antes de que se termine a erección.
  • No caso de desexar unha lubricación adicional, usar só lubricantes solubles en auga. Non utilizar vaselina, locións corporais… que poden danar o preservativo.
  • Cambiar o preservativo en cada relación aínda que non houbese penetración.
  • O preservativo é o método máis eficaz para evitar a transmisión sexual do VIH e doutros axentes infecciosos, e ademais prevén os embarazos non desexados

A PREVENCION NA TRANSMISION POLO SANGUE

O mellor sería deixar o consumo de drogas, ou polo menos a vía inxectada, substituíndoa pola vía fumada, inhalada, nifrada ou ben por metadona oral.

Se non se deixa a vía inxectada, débese utilizar sempre material estéril e non compartir xiringas, agullas, nin outro material utilizado para a preparación da droga previa á inxección.

Nunca se debe utilizar unha agulla ou xiringa xa usada, mesmo se é dunha persoa coñecida e aparentemente sa. Hai que recordar que a infección polo VIH pode non dar ningunha manifestación durante anos.

Tampouco é conveniente reutilizar o material xa usado por un mesmo.

Todos os instrumentos que poidan ter estado en contacto con sangue deben ser dun só uso ou desinfectarse despois de cada uso. Isto inclúe agullas de acupuntura, instrumentos dentais, agullas utilizadas na realización de tatuaxes e perforación dos lóbulos das orellas, instrumental usado no piercing, coitelas de afeitar, etc.

A PREVENCIÓN NA TRANSMISIÓN PERINATAL

Toda muller embarazada ou que pensa ter un fillo/a debe acudir o antes posible ao médico para facer a proba do VIH/sida. Existen tratamentos que, administrados dun modo temperán, diminúen moito o risco de transmisión do virus de muller infectada ao fillo/a.

Unha nai infectada non pode dar o peito ao seu bebé.

Unha muller infectada polo VIH pode optar pola interrupción legal do seu embarazo.

Se estás embarazada ou pensando en ter un fillo/a, fai a proba da sida. Non perdes nada, e tanto ti coma o teu fillo/a podedes gañar moito

Advertisements