TEUS DEREITOS

Dende esta páxina pretendemos ofrecer información dos teus dereitos como usuario do Servizo Galego de Saúde. Detallamos a continuación os seguintes:

  • DEREITO A SEGUNDA OPINIÓN MEDICA

  • INSTRUCCIÓNS PREVIAS

  • lei de GARANTIA DE PRAZOS

  • RECLAMACIÓNS e SUXERENCIAS

Tamén poderás descargar a documentación necesaria para cada unha. Segue lendo! son os teus dereitos.

DEREITO Á SEGUNDA OPINIÓN MÉDICA NO SISTEMA SANITARIO PÚBLICO GALEGO

¿Que é a segunda opinión médica?

Enténdese por “segunda opinión médica” o informe facultativo emitido como consecuencia da solicitude realizada polo/a usuario/a do Sistema Sanitario Público Galego, coa finalidade de contrastar un primeiro diagnóstico completo ou proposta terapéutica e facilitarlle ao/á paciente, se é o caso, maior información para decidir entre as opcións clínicas dispoñibles.

¿Quen pode pedir a segunda opinión médica?

Todos os/as residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de tarxeta sanitaria en vigor teñen este dereito.

Procesos con garantía de segunda opinión médica.

Pódese solicitar unha segunda opinión médica nos seguintes procesos:

  • Enfermidades neoplásicas malignas, agás cancros de pel que non sexan melanomas.
  • Enfermidades neurolóxicas e dexenerativas invalidantes.
  • Enfermidades graves con causa hereditaria claramente definida.
  • Confirmación de diagnóstico de “enfermidade rara” (aquela patoloxía con risco de morte ou invalidez crónica e baixa prevalencia, menor de 5 casos/10.000 habitantes, incluídas as de orixe xenética).

O dereito á segunda opinión médica só se poderá exercer unha vez en cada proceso asistencial.

Solicitude da segunda opinión médica.

A segunda opinión médica poderá solicitala o/a paciente e, se este/a non pode, as persoas cualificadas para iso.

A solicitude realizarase por escrito cubrindo o modelo existente para o efecto, e dirixirase á Dirección Provincial correspondente ou, se é o caso á Dirección de Área Sanitaria.

Podes descargar o modelo AQUI

Deberá presentarse dentro do prazo máximo dun mes dende que se faga o primeiro diagnóstico ou proposta terapéutica.

O/A paciente poderá propoñer un facultativo do Sistema Sanitario Público Galego para que emita a segunda opinión médica.

Resolución.

A resolución sobre a solicitude darase a coñecer por escrito ao/á paciente no prazo máximo dun mes.

De non ser así entenderase por estimada a solicitude formulada.

Consulta e emisión da segunda opinión médica.

Cando así se fixer constar na solicitude, o centro no que preste servizos o facultativo designado para emitir a segunda opinión médica, porase en contacto co/ca paciente para concertar a cita da consulta.

O prazo para a emisión da segunda opinión médica será de 15 días hábiles, contados a partir da consulta ou da recepción da documentación clínica.

Este prazo suspenderase durante o tempo necesario para a realización dalgunha proba ou exploración complementaria.

O informe de segunda opinión médica comunicarase persoalmente ao/á interesado/a.

Garantía da segunda opinión médica.

O/A paciente terá dereito a decidir libremente entre as opcións clínicas dispoñibles (conforme a carteira de servizos do Sistema Sanitario Público Galego).

A atención sanitaria terá lugar no centro de orixe se o diagnóstico é confirmatorio do primeiro.

En caso contrario, poderá optar por continuar sendo atendido no centro de orixe de acordo co diagnóstico ou proposta terapéutica inicial, ou ben no centro que prestou a segunda opinión médica de acordo con esta.

INSTRUCIÓNS PREVIAS SOBRE COIDADOS E TRATAMENTO DA SAÚDE

¿Que é o documento de instrucións previas?

É o documento en que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre aquelas actuacións médicas a recibir ou non, co fin de que esta sexa respectada e cumprida no momento en que por determinadas circunstancias non sexa quen de expresala persoalmente.

Este documento supón un paso máis no recoñecemento do dereito de autonomía dos pacientes, permitíndoselles decidir sobre os coidados e o tratamento da saúde que desexan recibir ante situacións futuras.

¿Quen pode outorgar o documento de instrucións previas?

Calquera persoa maior de idade que estea capacitada e actúe libremente.

¿Cal debe ser o contido deste documento?

O documento deberá ter en todo ou parte o seguinte contido:

  • Instrucións e opcións acerca dos coidados e o tratamento da saúde da persoa outorgante, chegada unha situación en que polas circunstancias non sexa quen de expresala persoalmente.
  • Instrucións sobre o destino do corpo e dos seus órganos, unha vez chegado o falecemento.

No documento tamén se poderá nomear unha persoa representante para que, chegado o caso, sirva como interlocutor co/a médico/a ou co equipo sanitario que presta a asistencia para procurar o cumprimento das instrucións previas.

¿Como se outorga o documento de instrucións previas?

O documento de instrucións previas debe estar formalizado mediante algún dos seguintes procedementos:

  • Ante tres testemuñas maiores de idade e con plena capacidade de obrar, das cales dúas, como mínimo, non poderán ter relación de parentesco ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, nin estar vinculadas por relación patrimonial coa persoa outorgante.
  • Ante notario (sen necesidade de testemuñas).

¿A quen vai dirixido o documento de instrucións previas?

As instrucións manifestadas no documento van dirixidas ao/á médico/a ou ao equipo sanitario que preste a asistencia á persoa outorgante, e unicamente terán eficacia cando a mesma se atope nunha situación que non lle permita expresar persoalmente a súa vontade.

¿Que é o Rexistro galego de instrucións previas?

É un rexistro dependente da Consellería de Sanidade, no cal os outorgantes de documentos de instrucións previas, se así o desexan e cumprindo os requisitos establecidos, poderán inscribir o seu documento de instrucións previas, ou se é o caso, a súa substitución ou revogación.

A finalidade do rexistro é facilitar o coñecemento da existencia do documento de instrucións previas aos profesionais que prestan a asistencia sanitaria, así como a consulta do dito documento chegada a situación en que sexa necesario telo en conta.

Este rexistro estará suxeito ás debidas precaucións de seguridade e confidencialidade.

Co fin de garantir a súa eficacia en todo o territorio nacional, o Rexistro galego de instrucións previas estará interconectado co Rexistro nacional de instrucións previas onde se recollen as instrucións previas inscritas nos distintos rexistros autonómicos.

¿Onde se dirixe a solicitude de inscrición no Rexistro galego de instrucións previas?

A inscrición dun documento de instrucións previas farase a solicitude da persoa outorgante, cubrindo o modelo creado para o efecto.

Este modelo estará dispoñible en calquera das unidades do Rexistro galego de instrucións previas situadas na sede central da Consellería de Sanidade así como nas súas delegacións provinciais.

Tamén podes descargalo AQUÍ

A solicitude deberá dirixirse a calquera das unidades do Rexistro galego de instrucións previas citadas. Tamén poderá presentarse en calquera centro hospitalario do Servizo Galego de Saúde onde se lle dará traslado á unidade do Rexistro que corresponda; ou mediante algún dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

¿Que documentación hai que presentar para rexistrar o documento de instrucións previas?

A solicitude irá acompañada en sobre pechado da seguinte documentación:

  • No caso de terse formalizado ante testemuñas:
    • Documento orixinal de instrucións previas asinado pola persoa outorgante e as tres testemuñas (debe figurar o lugar e a data do outorgamento). DESCARGAO AQUI
    • Declaración responsable de cando menos dúas das tres testemuñas de non ter relación de parentesco ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, nin estar vinculadas por relación patrimonial coa persoa outorgante. DESCARGAO AQUI
    • Copia auténtica do DNI/pasaporte da persoa outorgante e das testemuñas.
  • No caso de terse formalizado ante notario:
    • Copia auténtica do documento de instrucións previas.
    • Copia auténtica do DNI/pasaporte da persoa outorgante.
  • No caso de que o outorgante designe unha persoa representante e, de ser o caso, un substituto, deberase así mesmo xuntar:
    • Documento que acredite a súa designación.DESCARGAO AQUI
    • Copia auténtica do DNI/pasaporte da persoa representante e, de ser o caso, do seu substituto.

¿Existe a posibilidade de revogar o documento?

En calquera momento o documento de instrucións previas poderá ser obxecto de substitución ou de revogación por parte da persoa outorgante.

REXISTRO GALEGO DE INSTRUCIÓNS PREVIAS

Funcións do Rexistro:

  • Inscribir os documentos de instrucións previas, así como a súa substitución ou revogación.
  • Custodiar os documentos inscritos.
  • Facilitar o coñecemento da existencia do documento de instrucións previas aos profesionais responsables da asistencia sanitaria.
  • Facilitar o acceso e a consulta dos documentos de instrucións previas ás persoas autorizadas, así como expedir certificacións e copia deles.

Organismo responsable:

Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria (Subdirección Xeral de Aseguramento).

Unidades do Rexistro Galego de instrucións previas:

Servizos centrais da Consellería de Sanidade

Edificio Administrativo San Lázaro, s/n 15703 Santiago de Compostela
Tlf.: 881 54 03 13

 Delegación Provincial de Sanidade de A Coruña

Rúa Gregorio Hernández, nº 2- 4 15011 A Coruña

Tlf.: 981 155 823 / 981 155 852

GARANTIA DE PRAZOS

O Sistema Público de Saúde de Galicia garante que determinadas prestacións sanitarias, financiadas publicamente, e de carácter non urxente serán dispensadas nuns prazos previamente establecido e coñecidos.

Estas garantías recóllense no Decreto 104/2005 do 6 de maio, de garantía de tempos máximos de espera na atención sanitaria. PODES DESCARGALO AQUI

SE establece que en intervencións cirúrxicas:

  • a atención sanitaria terá lugar nun prazo máximo de 180 días naturais desde a inscrición do doente no rexistro da lista de espera.
  • transcorridos 140 días desde a data de inclusión no Rexistro de Tempos de Garantía o usuario pode optar por continuar na lista de espera do centro ou solicitar a atención sanitaria en calquera outro que dispoña de acreditación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Existen excepcións na garantía:

  • A extracción e transplante de órganos e tecidos.
  • As asistencias sanitarias diferentes da programada no Rexistro de Tempos de Garantía para a Atención Sanitaria Non Urxente.
  • Os supostos nos que o paciente, agás que acredite a existencia dunha causa xustificada, unha vez requirido para a realización da asistencia, non se presentase á citación, se negara ou a pospoña, e tamén aqueles nos que rexeite a oferta de asistencia noutro centro sanitario da Rede Galega Sanitaria de Utilización Pública.

A Consellería de Sanidade mantén un rexistro actualizado de pacientes que desexan facer efectivo este dereito, integrado co sistema de xestión de listas de espera de cada centro hospitalario.

 RECLAMACIÓNS E SUXERENCIAS

QUERES é un sistema de xestión único e homoxéneo para todo o Sistema Público de Saúde de Galicia que permite recoller, resolver e informar as reclamacións e suxestións que se presenten en relación á prestación de servizos do Sistema Público de Saúde de Galicia, así como a análise sistemática da información que se desprende delas coa finalidade de desenvolver accións de mellora.

Nesta páxina vostede poderá escoller entre:

  • Presentar unha reclamación ou suxestión, se posúe certificado dixital no seu navegador.
  • Consultar o historial e respostas das reclamacións ou suxestións presentadas con anterioridade, se posúe certificado dixital no seu navegador.
  • Consultar o estado dunha reclamación ou suxestión concreta, mediante o número de referencia presente nela. Non é preciso ter certificado dixital no navegador.

A través deste sistema poderá presentarreclamacións e/ou suxestións cuxa temática estea en relación con temas de:

  • Política sanitaria.
  • Planificación sanitaria.
  • Xestión sanitaria directa de atención primaria ou especializada.
  • Asistencia sanitaria en centros do Servizo Galego de Saúde.
  • Asistencia sanitaria en centros concertados e relativa a outras prestacións: osixenoterapia, ortoprótese, transporte sanitario, etc…
  • Asistencia prestada en unidades asistenciais de drogodependencias, unidades de día e comunidades terapéuticas financiadas.
  • Asistencia prestada en centros sanitarios de fundacións ou empresas públicas.

Están excluídas deste sistema de reclamaciónsas seguintes:

  • As dirixidas ao “Valedor do Pobo”.
  • As reclamacións patrimoniais.
  • As reclamacións ou suxestións que teñan por obxecto actividades ou servizos que non sexan competencia da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde.
  • Os recursos administrativos.
  • As efectuadas polos propios traballadores do sistema referidas ao seu desempeño profesional.
  • As correspondentes á atención prestada en centros, servizos e establecementos sanitarios privados cando o seu financiamento non sexa público.
  • As reclamacións relativas á alta ou baixa médica de incapacidade temporal.

Quen pode presentar unha reclamación ou unha suxestión?

  • Calquera cidadán titular do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria establecido na lexislación sanitaria galega.
  • Cidadáns pertencentes a outros sistemas sanitarios que utilicen o Sistema Público de Saúde de Galicia.
  • As persoas que reclamen ou suxiran por situacións que se refiran a un terceiro.
  • Representantes dos cidadáns (asociacións/institucións), debidamente acreditados.

Onde se pode presentar unha reclamación e/ou unha suxestión?

As reclamacións e/ou suxestións poden presentarse ben de xeito presencial ou por correo dirixidas a calquera dos centros asistenciais ou administrativosdependentes da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo do dispo e /sto no artigo 38 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

Tamén poderá presentar unha reclamación e/ou suxestión de forma telemática a través do espazo habilitado na páxina web institucional do SERGAS

Advertisements