I.V.E

O artigo 17 número 2 da Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reproductiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, establece que as mulleres que opten pola interrupción do embarazo recibirán previamente unha información que ven reflectida nos seguintes apartados.

Condicións legais para interrupción do embarazo

Son requisitos necesarios da interrupción voluntaria do embarazo:

  • 1º.-Que se practique por un médico especialista ou baixo a súa dirección.
  • 2º.-Que se leve a cabo nun centro sanitario público ou privado acreditado.
  • 3º.-Que se realice co consentimento expreso e por escrito da muller embarazada ou, no seu caso, do representante legal. Poderá prescindirse do consentimento expreso no suposto de que exista risco inmediato grave para a integridade física ou psíquica da muller e non sexa posible conseguir a súa autorización, consultando, cando as circunstancias o permitan, aos seus familiares ou ás persoas vinculadas de feito a ela.
  • 4º.-A muller de 16 ou 17 anos prestará o seu consentimento acompañado dun documento que acredite que cando menos un dos representantes legais, pai ou nai con patria potestade ou titores da mesma, foi informado da decisión da muller.

    Prescindirase desta información cando a menor alegue fundamentadamente que isto lle provocará un conflito grave, manifestado no perigo certo de violencia intrafamiliar, ameazas, coaccións, malos tratos, ou se produza unha situación de desarraigamento ou desamparo. Neste caso o médico encargado de realizar a interrupción do embarazo deberá apreciar, por escrito e coa sinatura da muller que as alegacións de ésta son fundadas, podendo solicitar, no seu caso, informe psiquiátrico, psicolóxico ou dun profesional de traballo social.

Poderá levarse a cabo a interrupción voluntaria do embarazo nas seguintes condicións:

  • Dentro das primeiras 14 semanas de xestación, a petición da muller, sempre que concorran os requisitos seguintes:
    • Que se informara á embarazada sobre os dereitos, prestacións e axudas públicas de apoio á maternidade, nos termos reflectidos na LO 2/2010.
    • Que transcorrera un prazo de cando menos tres días, dende a información mencionada no parágrafo anterior e a realización da intervención.
  • Que non se superen as 22 semanas de xestación, sempre que:
    • Exista grave risco para a vida ou a saúde da embarazada, e así conste nun ditame emitido con anterioridade por un médico especialista distinto do que practique ou dirixa a interrupción.
    • Exista o risco de graves anomalías no feto, e así conste nun ditame emitido con anterioridade á intervención por dous médicos especialistas distintos do que a practique ou dirixa.
  • En calquera momento do embarazo, cando se detecten anomalías fetais incompatibles coa vida, e así conste nun ditame emitido con anterioridade por un médico especialista, distinto do que practique a intervención, ou cando se detecte no feto unha enfermidade extremadamente grave e incurable no momento do diagnóstico e así o confirme un comité clínico.

    Este comité clínico estará formado por un equipo multidisciplinar integrado por dous médicos especialistas en xinecoloxía e obstetricia ou expertos no diagnóstico prenatal e un pediatra. A muller poderá elixir un destes especialistas. A súa función é a de confirmar ou non o diagnóstico previo do médico ou médicos que atenderan á muller embarazada nestes supostos. Confirmado o diagnóstico polo comité, a muller decidirá sobre a intervención.

Premendo AQUI atoparás información  sobre prestacións, beneficios, permisos e excedencias que favorecen a maternidade e paternidade responsable na nosa Comunidade Autónoma

Advertisements