ANISAKIS

O Anisakis Simplex é un nematodo; un parásito que infecta a mamíferos mariños (baleas, golfiños, focas, etc.) e a grandes peixes, nos cales se desenvolve até alcanzar a súa forma adulta. O home é un hóspede accidental que pode adquirir as larvas se consome pescado parasitado cru ou pouco cociñado.

As especies parasitadas son diversas, pero entre as máis habituais atópanse: bacallau, sardiña, boquerón, arenque, salmón, abadexo, pescada, pixota, caballa, bonito, xurelo, etc., e a lura, dentro dos cefalópodos.

A cantidade de parásitos varía en función do lugar de captura e do momento da evisceración. Deste xeito, os peixes capturados en alta mar que son rapidamente eviscerados presentan menos parásitos que os capturados na costa.

REDUCIR O RISCO

É fundamental evitar a inxesta de peixe cru ou pouco cociñado, incluíndo as preparacións caseiras en vinagre, afumados, salgadura, marinados, pescados á prancha ou ao microondas insuficientemente feitos, etc.

As larvas do peixe infestado morren coa cocción a unha temperatura de 60ºC polo menos durante 10 minutos.

Así mesmo, as larvas destrúense mediante a conxelación. Para iso é preciso conxelar o peixe durante máis de 24 horas a unha temperatura de -20ºC. O peixe conxelado ou ultracongelado en alta mar, que foi eviscerado rapidamente, ten poucas posibilidades de estar parasitado.

Preme na imaxe para descargar o folleto informativo