COGOMELOS

Os cogomelos son popularmente coñecidos dende os primeiros tempos da historia do home. Ó xurdiren espontáneos con certa regularidade estacional, deberon ser usados como alimentos xa na época preagrícola cando as tribus nómades se mantiñan de raíces, bulbos e froitos silvestres.

Sen embargo, é importante non esquecer que hai cogomelos tóxicos, que poden ser confundidos con outros comestibles e que causan envelenamentos graves, ás veces mortais.

En Galicia coñécense un total de 1.600 eumicetos, dos cales arredor dunhas 200 especies son comestibles, 10 poden ser mortais, outra media ducia verdadeiramente tóxicas, e algo máis de 30, causan problemas menores.

Na nosa Comunidade desde o ano 1994 ata hoxe producíronse moitos ingresos hospitalarios provocados polo consumo de cogomelos silvestres e preto de media ducia de mortes, amais dalgún transplante de fígado a persoas intoxicadas.

Para evitar posibles intoxicacións a Dirección Xeral de Saúde Pública elaborou esta información co fin de concienciar os apañadores de cogomelos sobre os perigos que implica esta afección se se esquecen unhas regras mínimas.

COGOMELOS: UNS O PRATO, OUTROS NIN VELOS

Advertisements