PISCINAS

A auga de baño das piscinas é un elemento que pode ser portador de xermes patóxenos e substancias capaces de producir enfermidades.
É unha garantía hixiénico- sanitaria que a auga da piscina presente:

  • Ausencia de cor e turbidez.
  • Ausencia de olores e sabores desagradables.
  • Ausencia de substancias tóxicas en concentracións nocivas.
  • Ausencia de xermes patóxenos.

É necesario polo tanto a limpeza e a desinfección periódica das instalacións, o tratamento adecuado da auga e unha hixiene persoal correcta dos bañistas.

A auga da piscina debe renovarse periodicamente, dependendo do nivel de uso e da contaminación que poida chegar do exterior (po, follas, etc.), para compensar as perdas e reducir a concentración de substancias orgánicas achegadas polos usuarios e a contaminación.

A depuradora debe ser capaz de filtrar toda a auga da piscina nun tempo máximo de 4 horas, xa que así se asegura unha eliminación correcta das materias en suspensión.

Os contadores de auga renovada e de auga depurada son recomendables, xa que permiten coñecer o volume de auga renovada e depurada.

Diariamente débense comprobar os niveis de cloro libre e pH e, en función dos resultados obtidos, engadir á auga da piscina as cantidades necesarias dos produtos adecuados. Para isto recoméndase a existencia de dosificadores automáticos de desinfectantes que, ben regulados, aseguran en todo momento niveis óptimos destes produtos.

RECOMENDACIÓNS

  • Os pavimentos que rodean o vaso deben ser antiesvarantes, e de fácil limpeza e desinfección.
  • As superficies interiores do vaso da piscina deben ser de materiais de fácil limpeza e desinfección, e o pavimento do fondo, ademais, antiesvarante.
  • Debe existir polo menos unha ducha para que os usuarios a utilicen antes da inmersión na auga de baño.
  • A piscina debe posuír un filtro, preferiblemente de sílice, e dosificadores para os produtos que se utilicen no tratamento da auga.
  • Os impulsores de auga depurada e desinfectada deben situarse de tal xeito que garantan a desinfección de toda a auga, evitando a existencia de zonas de augas estancadas e non desinfectadas.
  • É conveniente que o recinto onde se atopa a piscina dispoña dalgún sistema que impida o acceso aos nenos fóra do horario expresamente establecido, co fin de evitar accidentes.
  • Os desaugadoiros de fondo da piscina deben ser de gran paso e estar debidamente protexidos mediante dispositivos de seguridade, coa finalidade de que ningunha persoa ou neno quede atrapada no fondo da piscina pola succión que fai a depuradora.
  • Debe haber unha persoa formada en mantemento de piscinas que se ocupe de vixiar e manter as condicións hixiénico- sanitarias do recinto e da auga de baño (limpeza de pavimentos, control de cloro e pH da auga de baño, etc.).
  • É conveniente que durante as horas de baño permaneza unha persoa con coñecementos de primeiros auxilios e salvamento acuático no recinto da piscina, por si fose necesario prestar axuda a algún bañista.

REGULAMENTO INTERNO

  • Dúchese cada vez que se vaia a introducir na auga de baño, para así eliminar a suor, bronceadores, etc.
  • Os nenos non deben correr arredor da piscina, pois as escorregadas poden resultar perigosas.
  • Sexa precavido ao realizar manobras como lanzarse de cabeza, tirarse do trampolín, etc., e asegúrese de que non haxa ningún bañista mergullado.
  • Pode ser perigoso bañarse, particularmente en auga fría, se non transcorreron ao menos dúas horas dende a última comida.
  • Evite a entrada de animais nas instalacións da piscina, agás os cans guía.
  • Evite comer, beber e fumar na zona de praia reservada aos bañistas. Non abandone desperdicios dentro do recinto da instalación e utilice as papeleiras e outros recipientes destinados para o dito uso.
  • Non entre na zona de baño con calzado de rúa. Utilice chancletas ou calzado de baño persoal nas zonas de pés descalzos.
  • Recomendación do uso do gorro de baño nas piscinas cubertas.

Preme na imaxe para descargar o Decreto 103/2005, do 6 de maio, polo que se establece a regulamentación técnico- sanitaria de piscinas de uso colectivo.


Advertisements