Lei prevención

As bebidas alcohólicas son substancias potencialmente aditivas que gozan dunha grande aceptación social e estatuto de legalidade no noso país.

A Estratexia nacional sobre drogas 2009-2016 destaca que descendeu a proporción de consumidores de bebidas alcohólicas, aínda que aumentou a frecuencia de episodios de consumos intensivos. Así mesmo, recolle que o consumo abusivo de bebidas alcohólicas nos menores de idade se produce, fundamentalmente, en relación coas bebidas alcohólicas destiladas, cuxa concentración de alcohol é maior e que, ademais, se mesturan con bebidas carbónicas, o que reforza o seu efecto intoxicante.

Para moitos grupos, especialmente os comprendidos en idades máis novas, o lecer en xeral e, sinaladamente, o lecer nocturno prodúcese maioritariamente asociado ao consumo abusivo, entre outros, de bebidas alcohólicas. Pero, ademais, entre os que practican estes estilos de vida obsérvase unha baixa percepción do risco asociado. Cabe sinalar que son os adolescentes e os mozos menores de idade os que máis participan nos denominados «consumos recreativos».

En Galicia as intoxicacións etílicas atendidas polos servizos de emerxencias aumentaron un 70% dende o ano 2000. Da análise de 800 casos atendidos anualmente, máis do 25% tiñan menos de 14 anos. A Enquisa de consumo de bebidas alcohólicas en Galicia (2008) revela que a idade media de inicio de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade é de 14,1 anos, cunha tendencia de descenso. O 98% dos menores de idade que consome bebidas alcohólicas de maneira abusiva faino durante as fins de semana e máis da metade dos menores de idade galegos admite o consumo de bebidas alcohólicas nos últimos doce meses. O motivo máis habitual de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade deriva da influencia social.

Por outra parte, os recentes estudos sobre a materia conclúen que o coñecido como «botellón» e o lecer nocturno dos menores de idade é un fenómeno que provoca posicións encontradas entre os mozos, os adultos, os políticos e os membros das comunidades afectadas. En consecuencia, o botellón pasou de ser un fenómeno social a un problema social, como fonte de conflitos de orde diversa. Pero, ademais da colisión que supón contrapoñer os dereitos dos participantes nesta práctica e o dereito ao descanso dos veciños das zonas onde se practica, o problema máis perentorio e grave, desde o punto de vista da saúde pública, é o acceso a estas concentracións dun número crecente de menores de idade.

Unha sociedade adulta e libre ten que ser clara nas mensaxes que quere transmitir ás novas xeracións e, neste momento, é necesario o compromiso social de rexeitar actitudes permisivas cara ao abuso de bebidas alcohólicas tales como a publicidade que propicie o abuso do consumo destas.

Cómpre mencionar a Carta europea sobre alcohol, adoptada polos estados membros en 1995, que establece os principios éticos e as metas para promover e protexer a saúde e o benestar da poboación, entre eles o de protexer os menores e os mozos das presións para que beban, e reducir o dano que directa ou indirectamente lles produce o alcohol.Por iso parece oportuno rexeitar a publicidade expresa que se poida facer nos establecementos de hostalaría sobre as promocións que incitan ao consumo, como a publicidade expresa de barra libre ou publicidade expresa do tipo da coñecida como «hora feliz» (happy hour) ou «dúas por unha» nos establecementos onde está autorizada a venda de bebidas para adultos.

Preténdese dar pulo a unha nova cultura social, baseada no respecto e na empatía cos demais, é dicir, en pensar nos outros. A lei busca un fortalecemento das relacións entre os diversos actores da sociedade galega, especialmente no que atinxe á protección dos menores de idade. Concíbese como un código de regulación mutua no que o cumprimento parta do convencemento de que é o mellor para todos. Trátase, nin máis nin menos, de construír sociedade.

Nesta nova concepción, as sancións son vistas como o último remedio, cando non funcionan outros mecanismos. A educación e os contornos deben favorecer que os cidadáns entendan o porqué da necesidade do seu cumprimento. Neste sentido, a lei pon especial énfase nas sancións pedagóxicas e nos instrumentos para a formación cidadá, co propósito de activar todos os mecanismos que promovan que non haxa necesidade de sancionar porque non se cumpren deberes cidadáns.

Nesta mesma liña, a inclusión dos traballos en beneficio da comunidade no novo sistema de sancións constitúe unha das principais innovacións na presente norma. As persoas que cometan determinadas infraccións poderán substituír o pagamento da multa por traballos para a comunidade, é dicir, polo exercicio de actividades de cooperación persoal non retribuída en actividades de utilidade pública, interese social e valor educativo, como a axuda na limpeza de rúas ou a reparación do mobiliario urbano.

Aínda que as competencias na abordaxe das condutas aditivas están maioritariamente situadas no ámbito político, administrativo e territorial das comunidades autónomas, as administracións locais teñen tamén conferido un importante papel, fundamentalmente na área da prevención. Para reforzar estas actuacións, inclúese na lei a posibilidade de que utilicen instrumentos de verificación do cumprimento normativo, así como de corrección das desviacións, dando competencias sancionadoras.

A Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, precisa que, por razóns de orde pública, os concellos poderán acordar, de maneira singularizada, impoñer aos establecementos comerciais que inclúan na súa oferta bebidas alcohólicas a prohibición de expenderen este tipo de bebidas dende as 22.00 horas ata as 9.00 horas do día seguinte. Esta lei supuxo un importante avance respecto da situación precedente, ao dar aos concellos unha importante ferramenta para afrontar esta problemática social. Non obstante, dende un punto de vista de protección da saúde faise necesario completar esta lexislación á vista dos novos problemas de consumo existentes na poboación xuvenil.

Á vista de todo o exposto,  aquí tedes unha nova lei que pretende dar respostas dende as administracións á problemática que presenta o consumo abusivo e indebido de bebidas alcohólicas.

Advertisements