DROGAS

O compromiso acadado dende a Concellería de Sanidade do Concello de Culleredo coa poboación, o importante papel das actividades preventivas e de promoción de hábitos de vida saudables  e as crecentes necesidades sociais relacionadas cos problemas derivados do aumento do consumo de drogas de abuso na nosa sociedade, obrígannos a dar resposta e a intervir desde a nosa posición privilexiada.

O consumo das diferentes drogas, legais ou ilegais, está profundamente ligado ao estilo de vida da sociedade actual. O consumismo extremo, a inmediatez de resultados, a intolerancia á frustración e a busca de pracer son «valores» predominantes que fixeron que certas drogas se converteran nun ben de consumo máis. Os consumos asociados ao lecer, a maior tolerancia social ás drogas, e a gran accesibilidade a estas, sexan legais sexan ilegais,  fan que as prevalencias dos diferentes consumos aumenten en todas as idades.

Todos os consumos de drogas son perigosos por igual?

Como sucede en moitas outras circunstancias da vida, o consumo de drogas é unha situación na que se poñen en xogo consecuencias potenciais positivas (pracer) e consecuencias potenciais negativas (riscos). É importante considerar ambos os dous elementos: a principal motivación das persoas ao utilizar drogas é a busca de efectos desexados e agradables, aínda que tamén se poden presentar consecuencias negativas.

Todos temos escoitado a xerga empregada para denominar as drogas. Para saber de qué estamos a falar,  ofrecémosvos unha breve descripción dalgunhas das drogas mais utilizadas no noso medio.

BENZODIACEPINAS

1. Xeneralidades

a) Principio activo: 1,4-benzodiazepinas (p. ex., diazepam), 1,5-benzodiazepinas (p. ex., clobazam). Benzodiazepinas tricíclicas (p. ex., triazolam).

2. Formas e vías de administración

As benzodiazepinas acostuman administrarse en contexto terapéutico por vía oral, sublingual ou intravenosa. Fóra deste contexto, a vía de administración máis habitual é a oral, aínda que son posibles outras (intravenosa, intranasal, etc.). En ambientes marxinais estas substancias son coñecidas polo seu nome comercial (trankis, rohipnoles, etc.) ou pastillas (non confundir con éxtase).

CANNABIS

1. Xeneralidades

a) Principio activo: cannabinoides: delta-9-tetrahidrocannabinol (THC), cannabidiol (CBN), cannabinol (CBN), cannabiciclol (CBL), cannabigerol (CBG), cannabitriol (CBT), etc.

2. Formas e vías de administración

a) Extracto de resina sólida (haxix, costo, hash, chocolate).

b) Mestura de unidades florais secas e trituradas (marihuana, herba, grass).

c) Aceite ou tintura alcohólica (pouco frecuente).

COCAINA

1.Xeneralidades

a) Principio activo: esterbenzoil de metilecgonina, principal alcaloide do arbusto erythroxylon coca.

2.Vías e formas de administración.

a) Sulfato de cocaína (pasta de coca) basuco (pouco usada en Europa): é produto da maceración da folla de coca. Consómese fumada.

b) Clorhidrato de cocaína: po branco, fino e cristalino que se coñece como coca, neve, camerusa, dama branca, talco, perico, farla ou farlopa. A forma máis común de administración é inhalada polo nariz. Menos frecuente é a súa disolución en auga para a administración intravenosa (mesturada con heroína coñécese como speedball). Como adulterante utilízanse manitol, lactosa, maicena, talco, procaína, lidocaína e anfetaminas.

c) Cristais de cocaína (base libre): a máis adictóxena. Para producir un produto apto para fumar hai que transformar o clorhidrato de cocaína na súa forma base neutralizando a súa forma ácida con bicarbonato ou amoníaco. En forma de pedras brancas ou amarelas, coñécese como crack, base, roca. A vía de administración é fumada (inhalada en pipa ou cun tururo).

EXTASIS

1. Xeneralidades

a) Principio activo: 3,4-metilendioximetanfetamina (MDMA).

2. Formas e vías de administración.

A substancia pódese presentar en comprimidos (pastillas, pastis, tostis, rulas, pirulas, pirus, mimosíns) ou cristalizada (cristal, M). A vía de administración máis frecuente é a oral, aínda que é posible o uso intranasal (pouco habitual). A dose habitual activa oscila entre 40-150 mg.

GHB

a) Principio activo: gammahidroxibutirato de sodio (GHB) (oxibato sódico).

2. Formas e vías de administración

O GHB pódese atopar en po ou, con maior frecuencia, como líquido incoloro, transparente e de sabor lixeiramente salgado. A forma de uso máis habitual é bebido, de forma directa ou disolto en copa ou refresco. É coñecido como potes, biberóns ou éxtase líquida. A dose recreativa oscila entre 1 e 2 g. Pequenos incrementos na dose producen efectos moi importantes.

HEROÍNA

 1. Xeneralidades

a) Principio activo: 3.6-diacetilmorfina. Opiáceo semisintético derivado da morfina extraída da belota da mapoula, tamén coñecida como durmideira asiática (Papaver somniferum).

2. Vías e formas de administración

Coñecida como cabalo, jaco, burro, potro, H, raíña, dama branca. Ten forma de po branco ou marrón, e adoita consumirse fumada (heroína marrón: «facerse un chino»), e endovenosa (heroína branca: mesturada con cocaína, coñécese como speedball). Tamén se consome por vía oral, esnifada, subcutánea e intramuscular. Como adulterante utilízase cafeína, paracetamol, piracetam, salicilatos, metacualona, lidocaína.

FUNGOS ALUCINÓXENOS

1. Xeneralidades

a) Principio activo: psilocina (4-OH-DMT,4 hidroxidimetiltriptamina) e psilocibina (P-4-OH-DMT).

2. Formas e vías de administración

Os fungos psilocibios, pertencentes ás familias Psilocybe sp. e Strophoria sp., crecen de forma espontánea na maioría dos climas (cogomelos, monguis). Nalgúns países europeos a súa venda é legal. Pódense atopar como cogomelos frescos, secos ou conxelados. Consómense por vía oral ou en infusión. Tamén se toman outros fungos con efectos muscarínicos (Amanita muscaria e panterina).

KETAMINA

1. Xeneralidades

a) Principio activo: clorhidrato de ketamina.

2. Formas e vías de administración

En ambientes recreativos, a forma de administración máis frecuente é a presentación en po para uso intranasal en pequenas doses (10-40 mg). Tamén é posible o uso intramuscular ou intravenoso. É coñecido como K, Special K ou Kit- Kat.

LSD

1. Xeneralidades

a) Principio activo: dietilamida de ácido N-lisérxico.

2. Formas e vías de administración

A LSD é o psicoactivo sintético de maior potencia. É activo no rango dos microgramos. A dose habitual oscila entre 50-150 μg. A forma de presentación máis habitual consiste en pequenos papeis secantes que conteñen disolta a substancia (tripis, ácidos, allos), aínda que ocasionalmente se pode encontrar en forma de micropuntos ou xelatinas.

POPPERS

1. Xeneralidades

a) Principio activo: nitrito de amilo, nitrito de isobutilo.

2. Formas y vías administración

A vía de administración máis habitual é a inhalada.

SPEED

1. Xeneralidades

a) Principio activo: clorhidrato ou sulfato de metanfetamina.

2. Formas e vías de administración

O patrón de consumo máis habitual en Europa é o uso recreativo intranasal de pequenas cantidades (5-20 mg) de po de metanfetamina (speed, pichu). En Estados Unidos e, máis recentemente, nalgunhas zonas de Europa central, estase a difundir o uso intensivo de base libre de metanfetamina (meth, ice, cristal, cranck) fumada ou inxectada por vía intravenosa

Advertisements