DIETA ATLANTICA

DECLARACIÓN DE BAIONA SOBRE A DIETA ATLÁNTICA

FILOSOFÍA DA DIETA ATLÁNTICA

  • Unha alimentación que combina adecuadamente as materias primas alimentarias do Arco Atlántico de alto valor nutritivo e de elevada calidade sensorial.
  • Receitas e formas de cociñar propias desta zona xeográfica
  • Cultura e estilos de vida típicos do Arco Atlántico
  • Actividade física regular
  • Saber comer e recoñecer que é un feito social, cultural e festivo

DECÁLOGO

1. Consumo elevado de peixes (de mar e de río) e mariscos (moluscos e crustáceos) que constitúen a gran reserva actual natural do Atlántico.

  • Recoméndase o consumo de peixe e marisco tres/catro veces á semana nas diferentes etapas da vida.
  • Este grupo de alimentos achega de xeito exclusivo na dieta ácidos graxos omega-3, de cadea moi longa, con acción antiagregante plaquetaria, antitrombótica e antiinflamatoria, o que lle confire un papel protector nas enfermidades cardiovasculares. A súa relevante función no desenvolvemento cerebral e mantemento da función cognitiva fan que a súa presenza na dieta sexa moi recomendable nas diferentes etapas do ciclo vital e situacións fisiolóxicas. Os estudos epidemiolóxicos máis recentes evidencian unha menor mortalidade por enfermidade coronaria e por mortalidade total naquelas poboacións que consomen regularmente peixe.
  • É importante tamén o seu contido en calcio (peixe pequeno consumido enteiro ou peixes enlatados) e vitamina D o que lle confire un valor especial no mantemento da saúde ósea.
  • Recoméndase o consumo a miúdo, por constituír unha das fontes máis ricas do planeta en elementos traza, como iodo, selenio, cinc, etc., con importante valor nutricional.
  • O océano atlántico e o mar cantábrico son, igualmente, fonte de algas de elevado valor nutritivo e crecente interese gastronómico

2. Consumo de alimentos vexetais en abundancia: cereais, patacas e legumes.

As dietas ricas nestes alimentos constitúen o mellor xeito de conseguir o perfil calórico recomendado, no cal un 50% da enerxía total consumida o sexa en forma de hidratos de carbono complexos, así como para favorecer unha maior achega de fibra alimentaria.

Recoméndase o consumo de pan elaborado con fariñas de menor extracción, o que está de acordo cos hábitos tradicionais que se mantiveron nos territorios do Arco Atlántico.

O consumo de patacas habitual débese manter e ata incrementar, preparándose preferentemente cocida e consumidas con pel. O elevado consumo de patacas é unha característica común da dieta dos países do Arco Atlántico.

3. Consumo elevado de froitas e hortalizas.

Recoméndase entre as primeiras o consumo dunha ampla variedade delas, especialmente mazás, peras, ameixas, cereixas, guindas, uvas e cítricos. Dentro das segundas, é conveniente manter o consumo das do xénero brassica, de acordo cos hábitos de produción e consumo (repolo, verzas, grelos e nabizas), ademais de feixóns verdes, tomates, pementos, cebolas, cenorias, chícharos e allos.

Constitúen estes alimentos unha achega fundamental de nutrientes antioxidantes e de fitoquímicos con potencial antioxidante adicional.

4. Utilización de aceite de oliva como principal graxa culinaria, especialmente como aderezo en cru.

O aceite de oliva é a graxa máis rica en ácidos graxos monoenoicos e contén unha cantidade adecuada de substancias antioxidantes como vitamina E, beta-caroteno e compoñentes bioactivos.

5. Consumo diario de produtos lácteos.

Os produtos lácteos son excelentes fontes de proteínas de alto valor biolóxico, minerais (calcio, fósforo, etc.) e vitaminas. Adicionalmente, o consumo de leite fermentada está asociado a unha serie de beneficios para a saúde ao achegar microorganismos capaces de mellorar o equilibrio da microflora intestinal.

Este tipo de alimentos, ademais de polo seu recoñecido valor nutricional, adquire especial importancia na idade infantil e na idade avanzada pola súa fácil inxestión, dadas as súas características organolépticas e de textura. Os territorios do Arco Atlántico caracterízanse por unha elevada produción e industrialización de produtos lácteos da maior calidade.

BO PROVEITO!!

Advertisements