ROTEIROS

No ano 1994 a Organización Mundial da Saúde recoñeceu o sedentarismo como factor de risco independente para a enfermidade isquémica cardíaca. Co paso dos anos aumentou o número de patoloxías coas que se asocian os hábitos de vida sedentarios, entre as que destacan a diabete tipo II, a osteoporose e algúns tipos de cancro.

No ano 1996 o informe do Surgeon General destacou a importancia que tiña sobre a saúde a realización de actividade física moderada
ou intensa, de xeito especial se esta se realizaba todos os días da semana. Dende entón diferentes organismos apoiaron recomendacións sobre a práctica de actividade física.

Hoxe en día a recomendación mais estendida é aquela que afirma que para mellorar ou manter a saúde, os adultos sans necesitan facer actividade física aeróbica de intensidade moderada un mínimo de 30 minutos ao día polo menos 5 días á semana ou de 20 minutos ao día de actividade física intensa como mínimo 3 días á semana, ou a combinación de ambas nun rango de gasto calórico determinado. Estas
recomendacións, que varían lixeiramente nos adultos de 65 anos en diante, deben complementar a todas aquelas actividades cotiás da vida diaria.

Dende esta páxina, querémosvos recomendar Roteiros, clasificados segundo a súa dificultade. Previrás o sedentarismo e descubrirás o teu Concello.

ROTEIRO DE DIFICULTADE BAIXA

ROTEIRO PASEO DO RÍO TRABE OU DA FONTE DA BALSA

Este itinerario urbán transcorre a carón do río Trabe, no lugar de Vilaboa, na parroquia de Rutis. Comenza xunto a estrada N-550, na rúa Luís Seoane, onde hai dous ramais, sendo o de menor lonxitude o que discorre contra a corrente do río.

Ademáis de poder difrutar da flora e fauna típicas da ribeira fluvial galega, o paseo do río Trabe conta cun muíño fluvial recentemente restaurado, auténtica testemuña do pasado rural da parroquia de Rutis.

O paseo dispón de carril bici, tres bancadas de bicicletas do servizo de préstamo municipal (unha delas ubicada ubicada no comenzo do roteiro), bancos nos que descansar, fontes de auga potable, e iluminación por todo o percorrido.



PASEO MARITIMO DO BURGO

É un dos paseos marítimos mais antigos da comarca. No seu privilexio reune ó longo de case catro quilómetros natureza, arquitectura e espazos de lecer. Coincide cun tramo da ruta xacobea coñecida como O Camiño Inglés e atesoura importantes exemplos do románico galego, como a Ponte do Burgo ou a Igrexa de Santiago do Burgo (S. XII), da arquitectura industrial tradicional atopamos os Muíños de Marea de Acea da Ama.

Outra singularidade do paseo é a cantidade de aves que o elixen como lugar de destino nas épocas migratorias; pódense avistar especies como corvos mariños, patos, cisnes mudos, garzas reais, mazaricos chiadores, gaivotas cabecinegras…

Para acrecentala súa calidade este traxecto conta con numerosos espazos verdes e de lecer, como o Xardín Botánico Ría do Burgo; o carril bici, zonas de xogos infantís e pistas deportivas.


PASEO DE FERNANDO II, ENRIQUE TIERNO GALVÁN

Concebido como un circuito pechado ó redor do último tramo do río Trabe, o percorrido exténdese polas duas ribeiras, honrando cada unha delas no seu nome a Fernando II e a Enrique Tierno Galván.

O seu itinerario de carácter urbán, transcorre por sendas de terra e asfaltadas, cunha zoa de xogos infantís e bancos onde descansar, que convírteno nun lugar moi axeitado para o uso cotiá.

Antes de morrer na Ría do Burgo á sombra dos ameneiros, o río Trabe mantén nas súas ribeiras un rico ecosistema fluvial; entre lirios amarelos revoan as libeliñas enfeitizando o fogar de varias familias de galiñolas e patos silvestres. Ó fin do percorrido atópáse o muíño de marea de Acea da Ama, que traballou durante oito séculos moendo o trigo que chegaba dende toda a comarca, e hoxe en día acolle o Museo dos Muíños “Andrés Pan Vieiro” e a Sala de Exposicións “Xosé Rey Lago” sendo un lugar de referencia na vida cultural cullerdense.

 

ROTEIRO DE DIFICULTADE MEDIA

ROTEIRO DO REGO DAS XESTEIRAS

Transcorre pola parroquia de Santa María de Celas, no entorno máis rural do Concello. Conforma un dos máis importantes ámbitos etnógráficos de toda a comarca e é un dos mellores exempos da arquitectura popular ligada ó agro.

Once muíños espallados sinalan o percorrido do itinerario fluvial que transcorre ó longo deste tramo recuperado do Rego das Xesteiras; este conxunto de edificacions son testemuñas dunha economia agraria baseada no cultivo dos cereais, que foi o sustento fundamental das familias campesiñas.

Os muíños pertencen a varias familias que cederon o seu uso ó Concello de Culleredo. Dous deles (Faganova e Ramallal) situados nos extremos da ruta foron recuperados na funcionalidade orixinal, e nos contornos destas construccións emerxe unha importante rede de canalización das augas, que constitúe unha obra de enxeñaría civil popular.

O atractivo deste traxecto, ademais do alto valor paisaxístico e ambiental expresáse na configuracion dunha ruta etnográfica vinculada ó museo da Torre de Celas (situada a 400m).

ROTEIRO DE DIFICULTADE MEDIA-ALTA

ROTEIRO MARIÑÁN

Este roteiro pasa polos concellos de Arteixo, Carral e Culleredo, o seu percorrido é lineal, comenza en Arteixo e remata en Carral pero a maior parte do traxecto transcorre por Culleredo.

Comparte unha boa parte do seu trazado co Roteiro do Xalo e dos Sete Regos, polo que parte dos puntos de interese son común como o Monte Xalo, os muíños do Rego das Xesteiras, e a Torre e a Igrexa de Santa María de Celas. Tamén se poden visitar os núcleos rurais de Boedo e Bregua ca sua antiga estación do ferrocaril.

Este roteiro forma parte do chamado “Roteiro Mariñán”, formado por dez roteiros pertencentes ós oito concellos da Comarca das Mariñas coruñesas; outra das súas peculiaridades é a súa homologación en 2008.

ROTEIRO DO XALO E DOS SETE REGOS

Transcorre polos concellos de Cambre, Carral e Culleredo, e concíbese como un dos tres circuitos independentes, que se atopan enlazados entre sí, sumando un total de 52 km. O itinerario do Xalo e dos Sete Regos ten case 20 km e transcorre maioritariamente por Culleredo, tendo que facer un tramo de 5 km en Carral e Cambre. Esta deseñado para cicloturismo en BTT, mais tamen é axeitado para senderismo e carrera pedestre potenciando a práctica de deporte na natureza.

Ó longo do traxecto pódense visitar numerosos puntos de interese: o Monte Xalo é o miradoiro mais importante da comarca e un lugar privilexiado para a observación astronómica, a práctica da escalada, a recolección micoloxica, o avistamento de aves… ademáis as súas penas con nome propio (Pena dos Corvos, Pedra Furada…) son testemuña dunha cutura ancestral. Outro dos lugares por onde pasa este roteiro é a parroqia de Celas, onde se pode visitar o Rego das Xesteiras, a Torre de Celas e a Igrexa Románica de Celas.

Advertisements