A maioría dos pacientes non comprende a información médica

Complicada de comprender: así é interpretada  a información fornecida polos profesionais sanitarios. Este é un dos datos que se desprenden da enquisa sobre “Alfabetización en Saúde da Poboación Española”, o primeiro estudo sobre o grao de coñecementos, competencias e habilidades en materia sanitaria da poboación.

Aínda que o 57% dos enquisados indica que ao saír da consulta ten a impresión de que o profesional lle axudou, non ocorre o mesmo no que respecta á información proporcionada por escrito, o prospecto do medicamento e o informe médico, que resultan, a tenor das respostas, difíciles de entender.


“É obvio que hai problemas de comunicación, de presión asistencial e de disociación entre o que se di ao paciente, como se lle di e como este o interpreta. Un dos problemas máis importantes derivados destas dificultades de comunicación é a falta de adherencia ao tratamento. Por iso, supón un reto para os médicos que os pacientes saian das nosas consultas cun mínimo de información sobre a súa enfermidade, de aí a necesidade de elaborar materiais adaptados e tamén de crear redes sociais de pacientes”, comentou o doutor Javier Jovell, director da Universidade de Pacientes e codirector do estudo.

Outra das conclusións é que aproximadamente a metade da poboación toma medicamentos antes de acudir ao médico, mentres que o 45% prefire coidarse a si mesmo en lugar de ir á consulta. Así mesmo, a 41% busca habitualmente información sobre temas de saúde, sendo as mulleres de 35 a 49 anos quen máis o fan. Un 62% dos enquisados asegura non dispor do coñecemento necesario cando padece unha enfermidade; un 72% non coñece o documento de vontades anticipadas, e un 82% sabe para que serve un consentimento informado para unha operación cirúrxica ou unha proba diagnóstica.

A enquisa realizouse a unha mostra de 3.000 persoas estratificadas por comunidades autónomas, que responderon a preguntas relacionadas coa súa percepción  do autocuidado ou cales son as fontes máis fiables á hora de buscar información sanitaria, entre outros indicadores indirectos de medida das competencias sanitarias.

Estas entrada foi publicada en NOVAS coas etiquetas . Ligazón permanente.

Deixar un comentario